A Asociación de Empresarios de Deza conta cun Departamento de Emprego que persegue, fundamentalmente, dous grandes obxectivos:
- Facilitarlle ás empresas asociadas a realización dos procesos de selección de persoal para cubrir os postos vacantes que ofertan.
- Contribuír á dinamización do mercado laboral na comarca mediante a xestión dunha Bolsa de Traballo con currículos de persoas en situación de búsqueda de emprego ou de mellora de emprego.
Dentro destas dúas liñas de traballo xerais, o Departamento de Emprego presta os seguintes servizos:
-
Bolsa de Emprego
A Bolsa de Emprego é un dos servizos máis antigos da AED, xa que foi activado coincidindo co nacemento da asociación e cunha dobre finalidade: por unha parte, xestiónanse de forma gratuíta os currículos dos demandantes de emprego e, por outra, infórmase publicamente das ofertas de traballo lanzadas polas empresas da comarca. Así, a Bolsa de Emprego pretende facilitar a cobertura dos postos de traballo vacantes cos profesionais máis axeitados aos perfís que demandan as empresas asociadas, cumprimentando todo o proceso de selección dunha forma rápida e eficaz.
Este servizo da Bolsa de Emprego adoita recoller entre 800 e 1.000 currículos anuais, cifrándose nuns 750 os demandantes de emprego activos, o que permite contar cun elevado número de perfís profesionais para atender as necesidades laborais das empresas da comarca dezana.
A Bolsa de Emprego é un servizo plenamente consolidado como ferramenta de dinamización do mercado laboral, o que motiva que, ademais de rexistrarse inscricións de persoas desempregadas dos seis concellos dezanos, haxa tamén demandantes de emprego de zonas limítrofes como A Estrada, Chantada, Melide ou O Carballiño.
No exercicio de 2017, a Bolsa de Emprego rexistrou un total de 897 currículos e lanzou 344 ofertas para cubrir un total de 374 postos vacantes. Ao remate do exercicio, 177 desas prazas vacantes cubríronse a través de xestións realizadas directamente dende o Departamento de Emprego da AED.
As estatísticas de 2017 revelan tamén que os postos de traballo máis ofertados polas empresas asociadas foron os de camareiro/a, dependente/a, carpinteiro de aluminio, administrativo/a e cociñeiro/a.
O Axente de Emprego é un servizo que a AED puxo en funcionamento no ano 1999 e que está orientado a potenciar e estimular a creación de novas iniciativas empresariais, a fomentar o espírito emprendedor e a apoiar aos proxectos xeradores de emprego.
Este servizo céntrase fundamentalmente en tarefas de información e asesoramento aos emprendedores, con especial atención á solicitude de achegas e subvencións, aos trámites de constitución, ás diferentes fórmulas xurídicas, aos estudos de mercado, ao asesoramento económico-laboral-financieiro e á elaboración de plans de empresa, entre outros aspectos.
Nos últimos cinco anos, o servizo de Axente de Emprego ten participado ou inducido a creación de máis de medio cento de empresas na Comarca de Deza.
-
Orientación Laboral
Este servizo adícase a orientar e informar ás persoas demandantes de emprego sobre o seu perfil profesional e as súas capacidades, coa finalidade de mellorar a súa empregabilidade, compatibilizar a súa demanda coa oferta existente e, en definitiva, facilitarlle a súa inserción laboral. Tamén se ofrece asesoramento específico a persoas solicitantes de mellora de emprego.
No marco deste Servizo de Orientación Laboral, dende a AED ofrécese información sobre a situación global do mercado laboral na bisbarra, oriéntase aos usuarios sobre a formación necesaria e/ou recomendable e asesóranse tamén sobre técnicas activas de busca de emprego: realización do currículo vitae, redacción de cartas de presentación, nocións sobre como afrontar unha entrevista de traballo ou un proceso de selección, etc.