A comarca contabiliza 2.675 parados tras reducir o desemprego nun 13,2% en 2015

Os seis concellos da Comarca de Deza conseguiron reducir o desemprego nun 13,2% durante o ano pasado (410 parados menos), contabilizando ao peche do exercicio un total de 2.675 desocupados, segundo os datos oficiais da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Os descensos foron xeralizados en todos os municipios da bisbarra, xa que Lalín baixou o paro en 219 persoas para finalizar con 1.509 desempregados, mentres que Silleda e Vila de Cruces reduciron a lista do INEM en 68 e 60 cidadáns, respectivamente, para concluír o ano con 560 e 356 veciños parados. Pola súa banda, o Concello de Rodeiro pechou o exercicio con 101 persoas sen traballo (30 menos), Agolada con 104 (21 menos) e Dozón con 45 (12 menos).

Construción e industria

Por sectores, a construción foi o sector que experimentou un maior descenso do desemprego en termos porcentuais, xa que os parados neste ramo baixaron un 26,3% durante 2015, mantendo na actualidade un total de 417 desocupados. En parámetros semellantes moveuse a industria, xa que reducíu o paro nun 23,4% en 2015 ata contabilizar 421 persoas sen traballo.

O grupo dos parados que non se incorporaran nunca ao mercado laboral foi o seguinte cun maior nivel de ocupación, xa que rebaixou o paro nun 9,7%, ata situarse en 221 persoas. Finalmente, os servizos reduciron a desocupación nun 6,4%, ata quedar en 1.450 persoas, e o agro diminuíu o paro nun 4,5% e mantén 174 parados.

Deixa unha resposta

*