Baixa substancialmente en 2017 o número de inscritos na Bolsa de Emprego

O presidente da Asociación de Empresarios de Deza, Antonio Lamas, revelou durante a presentación do balance do exercicio de 2017 que o número de persoas inscritas na Bolsa de Emprego como demandantes de traballo experimentou unha baixada considerable. Así, fronte aos 1.036 demandantes rexistrados en 2016, o ano pasado contabilizáronse só 897, dos cales o 54,74 por cento son mulleres e o 45,26 por cento son homes.

Antonio Lamas tamén explicou que outro indicador que constata “unha lixeira melloría na economía da comarca” é o feito de que as empresas asociadas lanzaron o ano pasado 344 ofertas de emprego para cubrir un total de 374 postos de traballo vacantes. Estas cifras supoñen 124 ofertas de emprego e 128 postos de traballo máis ca no exercicio de 2016.

Ademais, para poñer en valor o funcionamento do Departamento de Emprego, o presidente destacou que ao longo de todo o 2017 houbo unha media de 728 currículos activos e ao remate do ano contabilizáronse 177 insercións laborais, o que supón unha media de preto de 15 contratacións logradas ao mes.