A AED acollerá unha das sete lanzadeiras de emprego promovidas pola Xunta, a Fundación Santa María la Real e a Fundación Telefónica

A Asociación de Empresarios de Deza acollerá a partires do mes de maio unha das sete lanzadeiras de emprego que está a promover por segunda vez a Consellería de Economía, Emprego e Industria en colaboración coa Fundación Santa María la Real e a Fundación Telefónica. A finalidade deste programa, que ademais de Lalín celebrarase en Santiago, A Coruña, Ferrol, Carballo, Lugo e Pontevedra, é axudar a 140 persoas a atopar traballo.

Esta lanzadeira de emprego estará operativa a partires do mes de maio e prolongarase durante cinco meses durante os cales, entre outras actividades, os alumnos e alumnas aprenderán a actualizar o seu currículo e levarán a cabo simulacións de entrevistas de traballo; coñecerán novas técnicas de comunicación para saber presentarse mellor a un posto laboral; reforzarán a busca na internet, portais en liña e redes sociais coa realización de obradoiros específicos para manexar correctamente estas ferramentas; e farán visitas a empresas para darse a coñecer como profesionais. Do que se trata é de mellorar a súa empregabilidade desenvolvéndose a nivel persoal.

O prazo de inscrición estará aberto ata o 20 de abril e os interesados, que poden ter entre 18 e 59 anos, deben anotarse na web www.lanzaderasdeempleo.es ou nas oficinas da AED.